O Estudo HBSC en España, na súa edición de 2014, está apoiado e financiado polo Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad.
Nesta edición, recolléronse datos de máis de 30.000 mozos e mozas con idades comprendidas entre 11 e 18 anos nun total de 402 centros educativos.
O método de mostraxe (aleatorio polietápico estratificado por conglomerados) permite xeneralizar os resultados obtidos a nivel nacional. Así mesmo, os resultados son representativos en canto a niveis de idade (11-12, 13-14, 15-16 e 17-18 anos), comunidade autónoma e titularidade dos centros educativos (pública ou privada-concertada).
A mostra aleatoria de centros participantes procede dun censo achegado polo Ministerio de Educación onde están recollidos todos os centros educativos españois.Dende a edición de 2010 do estudo HBSC en España, incorpóranse as novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) no procedemento de recollida de datos. É dicir, faise uso da internet como soporte para o cuestionario e ferramenta para que os escolares o completen e o envíen.
Os cuestionarios inclúen preguntas comúns aos máis de 40 países que realizan a investigación nesta edición, ademais de preguntas específicas decididas polo Equipo HBSC Español e o Ministerio de Sanidad y Servicios Sociales e Igualdad.
Coas preguntas comúns a toda a rede internacional HBSC, séguese un proceso de tradución-contratradución para asegurar a súa paridade entre as linguas.
Coma nas edicións anteriores, o cuestionario HBSC-2014 explora un abano de contidos moi amplo que non se detén nos estilos de vida, senón que abrangue tamén diferentes medidas de axuste psicolóxico e de calidade dos contextos nos que os adolescentes medran (familia, escola, iguais).
A administración dos cuestionarios levouse a cabo dentro do horario escolar coa supervisión do profesorado dos centros educativos, que dispoñían de instruccións claras e concisas sobre o proceso de recollida de datos, e ofrecendo ao alumnado garantías totais de anonimato.